O pasado 21 de abril, o bailarín, intérprete e creador galego Antón Yaguas iniciaba a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Casa da Cultura de Vimianzo, en torno á súa proposta que ten por título Open Call, un proxecto en relación ao enfrontamento do artista coa súa autoexposición como imaxe fronte á súa propia obra: será que somos moito máis imaxe do que pretendemos?
Agora, unha vez finalizada a estadía da súa residencia artística, Antón Yaguas ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Casa da Cultura de Vimianzo, este sábado, 3 de maio, ás 20.30h, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.