Vimianzo acollerá do 16 ao 21 de agosto a ‘Semana da Cultura Urbana’

1 minutes read

Trátase dunha nova iniciativa lúdica e de aprendizaxe sobre a arte máis de rúa e que achegará á mocidade diferentes talleres e espectáculos multidisciplinares na praza do Concello, ademais de contar coa intervención pictórica de dous muralistas galegos e un artista nacional.

O programa, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, inclúe tres talleres de mural colaborativo nos que poderán participar as veciñas e veciños da vila que teñan 10 ou máis anos. Estes talleres están programados para os días 16,17 e 19 de agosto en horario de 11:00 a 13:00 horas. O aforo está limitado a 10 participantes.

A semana rematará o domingo 21 de agosto na praza do Concello cunha xornada de portas abertas na que se desenvolverán talleres de breakdance, Dj, rap, parkour, graffiti, estampación de camisetas e slackline (deporte de equilibrio que se practica cunha cinta en en tensión anclada en dous soportes fixos) en horario de 18:00 a 21:00 horas. Ao remate da xornada urbana terá lugar o espectáculo ‘Ópera Breaks’, un show que mestura a ópera da soprano Esperanza Mara (EmanArte) cos ritmos urbanos de artistas da ‘Vella Escola’  nun formato moi innovador.

Todas as actividades, excepto as programadas para o domingo 21, precisarán inscrición previa que poderá formalizarse  na Casa da Cultura, en horario de 08:00 a 15:00 horas, ou a través da sede electrónica antes do 11 de agosto.