Vimianzo acollerá un curso sobre o regulamento da produción de vacún de leite ecolóxico

1 minutes read

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén un curso sobre o novo regulamento da produción de vacún de leite ecolóxico. Está previsto que se celebre na Casa da Cultura de Vimianzo o martes 14 de setembro.

A xornada están dirixida a todos aqueles interesados en desenvolver a súa traxectoria no sector da produción ecolóxica do vacún de leite. Así, estudarase o mercado existente ao respecto e axudarase a comprender as posibilidades de comercialización, así como as novas tendencias e demandas dos consumidores. A maiores, darase a coñecer o novo regulamento sobre a produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos.

A duración total será de sete horas, en concreto pola mañá tratarase a produción ecolóxica e a evolución do seu consumo en Galicia, a nova normativa ecolóxica relacionada co vacún de leite, a comunicación ambiental e o cálculo de pegada de carbono, así como o mercado da produción de leite ecolóxico. Xa pola tarde, realizarase unha visita práctica.

Estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.