Vimianzo acolleu a emotiva presentación do ‘Cancioneiro Galego Serodio’ de Xabier Díaz

1 minutes read

O acto, incluído na programación anual das Letras Galegas promovida pola Deputación da Coruña, reuniu a máis de 100 persoas na Casa da Cultura.

O evento contou coa presenza da alcaldesa, Mónica Rodríguez; a deputada de Lingua, Soledad Agra; así como membros da corporación municipal. Durante a presentación, a rexedora quixo agradecer á Deputación a organización desta actividade cultural que “pon en valor as nosas letras e, sobre todo, a nosa tradición oral”.

A xornada foi unha emotiva homenaxe ás cantareiras, representadas en Vimianzo pola figura de Carmen Limideiro, de Berdoias, que nos anos 80 foi informante do propio Xabier Díaz e agora deu a paso a cantar con el.

Na sala estiveron tamén presentes integrantes do grupo de pandeireteiras A Trubisquiña, símbolo do relevo xeracional e da vitalidade e futuro da música tradicional galega.

Desde o Concello destacouse o valor desta edición das Letras Galegas, que rende homenaxe á tradición oral protagonizada por mulleres. Tal e como apuntou a deputada, “celebramos a poesía oral, esa cultura transmitida de xeración en xeración por mulleres que recolleron nos seus cantares costumes, retrancas, coñecementos… E grazas a persoas como Xabier Díaz e moitas outras persoas e agrupacións de música tradicional ó longo e ancho deste noso país, podemos ter hoxe libros como este, onde pasamos por fin ó papel todas esas recolleitas das nosas portadoras para que teñan vida para sempre”.

Con este acto, desde o Concello de Vimianzo reafírmase o seu compromiso coa cultura e co patrimonio inmaterial galego, promovendo espazos de recoñecemento e celebración da nosa identidade colectiva.