Vimianzo | Concello referente na Costa da Morte na dinamización cultural

1 minutes read

A programación cultural de inverno posta en marcha polo Concello de Vimianzo en xaneiro, e que puxo punto e final neste mes de maio, consolidou ao municipio como unha das grandes figuras de dinamización cultural na Costa da Morte.

A forte aposta municipal, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios do AGADIC e da Rede Cultural da Deputación da Coruña, fixo posible unha programación continua durante seis meses para que cada fin de semana o público puidera desfrutar de teatro, música, danza, maxia ou monicreques.

Grazas á  ‘Programación cultural de inverno’ e á ‘Primavera en familia’, cada sábado e domingo o Auditorio Municipal de Vimianzo acolleu un espectáculo para público xeral e infantil, podendo gozar de compañías de renome como a de Fran Sieira e tamén de talento local a través da residencia artística de ‘O sol de outono’, un proxecto teatral da vimiancesa Soraya Lema.

A sinerxia entre as diferentes obras e figuras que se achegaron ata o municipio soneirán contribuíron a que a cultura non ficase relegada a unha data en concreto senón que avanzase ao longo do tempo.

Isto demostra que outro tipo de oferta cultural é posible e necesaria, que a cultura move masas e que a Costa da Morte, e concretamente Vimianzo, son un lugar privilexiado para gozar da mesma.