Vimianzo conmemorará o Día Internacional das Persoas Maiores cunha semana de actividades interxeneracionais

2 minutes read

O Concello de Vimianzo conmemorará o Dia Internacional das Persoas Maiores (1 de outubro) cunha ampla programación de actividades enmarcadas no Plan de loita contra a soidade non desexada e o illamento social ‘Conectando Corazóns’. O programa, que inclúe diferentes propostas que buscan fomentar a participación das persoas maiores e reforzar os lazos interxeneracionais, estenderase do 29 de setembro ao 3 de outubro baixo o título ‘Semana Sénior’.

A primeira das citas será o luns, 29 de setembro, de 11:00 a 12:00 horas. A concelleira de Benestar Social, María José Pose, o psicólogo municipal, Sergio Trillo, o director e xerente dos centros auditivos OE+ de Cee, Ordes e Lalín, enfermeiro en hospital a domicilio e xerontólogo, Lucas Fernández, a traballadora social e coordinadora do departamento de Servizos Sociais, Sandra Abeijón, e unha persoa maior, participarán na mesa redonda ‘Corazóns conectados’, que estará moderada pola xornalista Patricia Blanco. A actividade está dirixida ao alumnado do ciclo medio e superior do IES Terra de Soneira e será gravada e emitida en directo.

O programa continuará o xoves, 2 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, cunha conferencia na Casa da Cultura titulada ‘Saúde, soidade e envellecemento’, impartida por Miguel Ángel Vázquez, doutor en Medicina e profesor na Universidade de Vigo, e César Bugallo, doutor en Xerontoloxía e profesor na Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais, o martes 30 de setembro e o venres 3 de outubro, levaranse a cabo videoconferencias interxeneracionais entre o alumnado do IES Terra de Soneira e as persoas usuarias do Plan de loita contra a soidade non desexada e o illamento social. Trátase dunha experiencia innovadora que busca conectar xeracións a través das novas tecnoloxías, favorecendo a aprendizaxe mutua e o respecto.

A concelleira de Benestar Social, María José Pose, destacou que con estas actividades preténdese “homenaxear a todas as persoas maiores no seu día, ao mesmo tempo que as conectamos coas xeracións máis novas”. Destacou que esta é “unha boa maneira de que, a pesar da idade que as separa, as persoas estean conectadas entre elas, aprendendo de maneira mutua e facendo fronte, de maneira paralela, á soidade non desexada, que é un dos grandes retos da sociedade”.