Vimianzo contará cunha sede da UNED para impartir de forma presencial cursos e actividades universitarias

1 minutes read

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a directora do Centro Asociado á UNED na Coruña, Ana Mónica Novo, asinaron este xoves un convenio de colaboración co Centro Asociado da UNED na Coruña que permitirá abrir outra sede da UNED para impartir de forma presencial no municipio actividades e cursos de Extensión Universitaria, cursos de verán, actividades de orientación académica e inserción laboral, así como programas UNED Sénior e CUID.

Deste xeito, Vimianzo converterase nunha das sedes oficiais para o desenvolvemento destas accións formativas, ampliando a oferta educativa e facilitando o acceso á formación superior a todas as persoas da comarca.

O Concello poñerá a disposición do centro espazos debidamente acondicionados, para así garantir o correcto desenvolvemento das distintas actividades programadas.

A alcaldesa de Vimianzo destacou a importancia deste convenio, definíndoo como “unha gran oportunidade para seguir mellorando o acceso á educación dos nosos veciños e veciñas. É un orgullo sumar a aula de Vimianzo á provincia, xa que abre moitas posibilidades para toda a comarca e permitirá aforrar moitos desprazamentos”.