Vimianzo dá comezo aos campamentos de verán con todas as prazas cubertas e unha ampla oferta de actividades

2 minutes read

O Concello de Vimianzo deu comezo este luns aos campamentos de verán cunha excelente acollida por parte das familias, cubrindo a totalidade das prazas ofertadas nas diferentes quendas programadas. Esta iniciativa, organizada polo Concello co apoio do Plan Corresponsabes da Xunta de Galicia, consolídase como unha proposta de vital importancia para o lecer educativo e a conciliación familiar durante os meses estivais.

Na primeira quenda, que se desenvolve do 23 de xuño ao 4 de xullo, 80 nenos e nenas participarán no campamento centrado no Asalto ao Castelo. A través de diferentes obradoiros e actividades diversas poderán achegarse moi de preto á tradición e cultura local.

A segunda quenda, do 7 ao 24 de xullo, contará con 130 persoas participantes no pavillón municipal, onde gozarán das propostas do VimiDeporte e o VimiAstronomía. As actividades, de carácter lúdico-deportivo, buscan promover entre a rapazada o coñecemento e respecto polo medio ambiente, a reciclaxe, así como a iniciación na astronomía.

A terceira e cuarta quenda, con 110 persoas participantes en cada unha, terán lugar do 28 de xullo ao 14 de agosto e do 18 ao 29 de agosto. Nestas datas celebraranse dúas novas edicións do VimiChef, no que os pequenos e pequenas poderán poñer o mandil para aprender algunhas técnicas culinarias básicas de maneira divertida. Estes períodos completaranse, ademais, con actividades do VimiDeporte.

Ademais, o VimiAventura desenvolverase no pavillón de Baíñas, ao ser esta a única parroquia na que se acadou o número mínimo de preinscricións.

Conciliación

Para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, o Concello volve ofrecer o servizo de madrugadores, dispoñible de 8:00 a 10:00 horas, permitindo ás familias unha maior flexibilidade horaria.

Desde o Concello agradeceron “a confianza depositada nesta iniciativa un ano máis polas familias” e salientaron “o enorme esforzo para ofrecerlles uns campamentos de calidade, educativos, divertidos e accesibles para todos e todas”.