- Trátase dun espazo natural de gran singularidade e valor paisaxística que une ambos municipios.
Os concellos contrataron os servizos dunha consultora especializada que desenvolve un traballo no que se integra a participación cidadá á hora de trasladar ideas e inquedanzas. Neste proceso de co-creación xa houbo encontros con profesionais do sector turístico e hostaleiro tanto de Vimianzo coma de Laxe, achegando ideas e necesidades baseadas na súa experiencia.
Os días 13 e 14 o traballo continúa co protagonismo da veciñanza e do tecido asociativo local, cuxa participación será esencial no deseño da estratexia. Como punto de partida, convocouse unha xuntanza informativa e participativa na que se presentarán as liñas mestras do plan e se abrirá un espazo de diálogo para recoller ideas, propostas e suxestións da cidadanía, especialmente dos veciños de Pasarela e de Traba.
Segundo destacou a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, “este proxecto é unha oportunidade para traballar da man coa veciñanza na protección e promoción dun dos nosos enclaves máis singulares, converténdoo nun símbolo de identidade e nun recurso de futuro sostible”. Pola súa banda, Francisco Charlín, alcalde de Laxe, destacou que este traballo “é un exercicio que impulsa un sentimento común de orguio de pertenza, facendo que todos participemos do privilexio e a responsabilidade de contar cun espazo singular coma Os Penedos. Entendemos que Laxe e Vimianzo debemos ir da man e ser proactivos á hora de colaborar con institucións superiores. O feito de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitase o enclave, é un sinal inequívoco de que hai boa intención, polo que debemos traballar nas ideas e recoller as inquedanzas dos que viven na contorna dos Penedos”.
A iniciativa busca afondar e dar pasos na potenciación deste espazo natural, especialmente tras o interese manifestado por entidades como a Xunta ou a Deputación da Coruña. Desde ambos concellos sublíñase a importancia da participación cidadá neste proceso de co-creación colectiva, co que se pretende avanzar na posta en valor dos recursos naturais e paisaxísticos do territorio como un atractivo turístico responsable e respectuoso co medio.