- A partir deste martes 1 de outubro, pais e nais poderán deixar ao seus rapaces no colexio San Vicenzo
A conciliación familiar e laboral era un tema pendente do actual goberno de Vimianzo, e, finalmente, haberá un servizo de «madrugadores» no concello para que pais e nais podan adaptarse ós horarios laborais sen preocuparse de con quen deixan aos seus rapaces. A partir deste martes 1 de outubro, o colexio de San Vicenzo abriá as súas portas as 07:30 horas da mañá para dar este servizo.
A posta en marcha do servizo de “madrugadores”, posibilitará a paulatina incorporación das crianzas no centro escolar dende as 07:30 h ata as 9:30 h, flexibilizándose deste xeito as circunstancias laborais das familias. Durante este tempo, os nenos e nenas que fagan uso do mesmo, terán a posibilidade de recibir un almorzo equilibrado, ademais de realizaren todo un conxunto de actividades lúdicas e educativas.
No verán abriuse unha primeira quenda de familias anotadas á que se poden engadir novas incorporacións por circunstancias do traballo ao longo do curso.
O servizo de “madrugadores” depende da concellaría de Benestar Social, Igualdade, Ensino e Mocidade, da que é titular María José Pose. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, manifestou o especial interese do seu Goberno por poñer en marcha este servizo, xa que supón unha oportunidade de conciliación para as familias cuxos horarios laborais non son compatibles co escolar. Como ten reiterado a rexedora vimiancesa, “ temos unha especial preocupación pola conciliacións das familias, xa que queremos mellorar o benestar da veciñanza ata facernos unha referencia na comarca”.