Vimianzo martes 14 | Presentación do libro ‘A cultura do mel na Costa da Morte’

1 minutes read

O Concello de Vimianzo celebrará a Semana do Patrimonio Cultural acollendo a presentación da obra ‘A Cultura do Mel na Costa da Morte’, de Carme Toba Trillo. O acto terá lugar ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo.

A autora, natural de Muxía, dedica parte do seu tempo á investigación e ao estudo do patrimonio etnográfico, o que a levou a interesarse polo curioso e apaixoante mundo das abellas. Falando coa xente, preguntando e lendo, foi construíndo o seu propio relato, ata o punto de recoller nesta obra a historia e o patrimonio da apicultura na Costa da Morte.

A presentación correrá a cargo da autora, que dará o seu punto de vista e a perspectiva sobre algúns dos segredos agochados na peza. Estará acompañada pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; polo presidente e secretaria da SAGA, Rafael Quintía e Ana Durán; e o presidente de APATRIGAL, Carlos H. Fernández.

Desde o goberno local animan á cidadanía a participar e coñecer de primeira man o curioso mundo das abellas. Ademais, amosaron o “orgullo” de que sexa Vimianzo, corazón da Costa da Morte, o lugar no que o libro vexa a luz por primeira vez.