Vimianzo mellorará o sistema de abastecemento de auga coa construción dun novo decantador

1 minutes read

O Concello de Vimianzo vén de sacar a licitación o proxecto de ampliación da instalación de subministración de auga potable coa construción dun novo decantador, que conta cun orzamento de 134.595,04 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o 13 de agosto.

A intervención levarase a cabo nunha parcela localizada na parte alta de Prado de Muíño, preto do núcleo urbano de Vimianzo e ao carón da residencia de maiores. A actuación inclúe a construción dun novo decantador e filtro, así como o traslado da zona de tratamento de augas ao edificio anexo existente, co obxectivo de mellorar a capacidade e eficiencia do sistema de depuración.

Na actualidade, o tratamento da auga realízase mediante un pequeno decantador localizados na propia parcela. Co novo proxecto preténdese dotar á instalación dunha maior capacidade operativa, mantendo o cumprimento da normativa vixente en materia de calidade da auga.

Tanto o novo decantador como o filtro estarán construídos con muros de formigón armado, garantindo unha estrutura sólida e duradeira. Estas infraestruturas permitirán lograr unha maior capacidade no tratamento da auga.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou a importancia desta actuación: “É un proxecto estratéxico que nos permitirá mellorar a eficiencia do sistema de tratamento de auga potable e garantir un servizo de maior calidade para a veciñanza. Apostamos por infraestruturas modernas e sostibles que dean resposta ás necesidades actuais e futuras da nosa poboación”.

A isto, a rexedora engadiu que “a proximidade da instalación á residencia de maiores fai especialmente relevante esta mellora, pois trátase dun colectivo sensible que require os máis altos estándares de calidade na subministración, e dende o Concello de Vimianzo estaremos sempre ao seu carón para brindarlles esa axuda que precisan”.