Vimianzo | O Concello pedirá a Catastro seguridade xurídica ante os novos valores catastrais

1 minutes read
  • Os veciños móstranse preocupados tras notificárselles a revalorización dos seus terreos a pesar de que o Concello rexeitara participar no proceso

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, reunirase este mércores co xerente rexional do Catastro de Galicia, Benito Bericochea, para requirir que aos veciños do municipio vimiancés se lles garanta a seguridade xurídica e urbanística no proceso de revalorización colectiva de terreos que están a levar a cabo tras ser notificados de dita revalorización esta última semana.

En xullo do ano 2019, a xerencia rexional do Catastro comunicou ao Concello que, no caso querer solicitar a aplicación de coeficientes de actualización de valores catastrais para 2020, debería responder á dita notificación; unha acción que desde o goberno local aseguran que non promoveron.

Sen embargo, «a sorpresa é que se están notificando nos fogares a aplicación desa revalorización», sinala a rexedora, quen tamén destaca que «en ningún caso se podería aplicar a mesma xa que foi algo que nós nunca demandamos como Administración». De ser necesario o Concello tomará as medidas oportunas ao tratarse dun tema de «moita sensibilidade para moitas veciñas e veciños do noso municipio, que quedan desamparados».

Nos últimos días a Casa do Concello recibiu numerosas visitas da veciñanza para solicitar información deste tema e tamén para reclamar que non en todos os casos é posible descargar a notificación ao adxuntarse cun código dixital «de moi difícil compresión, sobre todo para xente de idade avanzada». Desde o goberno local avanzan que se organizarán coloquios informativos e unha asesoría por parte dos técnicos municipais con respecto a este tema, aínda que antes será preciso celebrar a xuntanza deste mércores.