- Esta resolución, directamente executiva nos seus propios termos, é definitiva na vía administrativa
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, TACGAL, desestimou o segundo recurso interposto polo concelleiro Manuel Antelo contra os pregos da contratación do proxecto de renovación do alumeado exterior do concello de Vimianzo. «Esta resolución é definitiva na vía administrativa, e contra a mesma só cabe interpoñer recurso perante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia» sinalan desde o Goberno local.
Na súa resolución o TACGAL argumenta que Manuel Antelo Pazos, na súa condición de concelleiro, o que formula é “un escrito de alegacións, no entendemento de que o acordo adoptado polo pleno o 26/04/2021 non cumpre a resolución do TACGAL de data 20/04/2021, e o principio de congruencia esixe analizalo como tal, polo que procede unicamente analizar se a actuación implica unha elusión da Resolución TACGal 86/2021, por ser ese o ámbito para tal incidente”. En consecuencia, “non procede pronunciamento deste Tribunal sobre aqueles aspectos dese escrito de alegacións que, se ben citando elementos da memoria xustificativa aprobada polo pleno, o que pretenden é unha crítica ao que son os criterios de valoración recollidos nos pregos da licitación, aspecto no que este TACGal non se pode pronunciar neste momento”.
O argumentario conclúe reflictindo que “non existindo modificación do contido dos pregos da licitación como resultado do disposto na nosa Resolución 86/2021 e á vista do establecido no artigo 36.1 do RD 814/2015 non podemos acoller que o acordo plenario criticado polo alegante non se axuste ao ámbito da retroacción ordenada na nosa previa Resolución”.
En definitiva, non se pode afirmar que existe na actuación do órgano de contratación un ánimo elusivo da Resolución do TACGAL 86/2021, polo que a licitación do contrato do IDAE, no que se substituirán máis de 4.000 luminarias en todo o municipio, segue adiante.
«Para todo Vimianzo é unha gran nova poder contar, agora parece que si de xeito definitivo e sin os habituais atrancos por parte dalgún dos grupos da oposición, do mellor proxecto para este municipio da última década», subliñaron desde o Executivo local.