- No ano 2017, unha modificación da Relación de Postos de Traballo causou que varios traballadores do concello viran diminuídas as súas retribucións
O Concello de Vimianzo celebrou este venres unha sesión plenaria ordinaria na que se trataron, principalmente, dous puntos: a adhesión do concello ao convenio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); e a sentenza xudicial favorable a un técnico municipal mediante a cal se lle deberán consignar de novo os seus complementos, tal e como constaba antes da aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do goberno de Manuel Antelo.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala que “o que o líder de Adiante Vimianzo trata de facer é impedir que se lle devolva a este traballador o que el mesmo lle quitou o seu momento, baixo criterios moi ambiguos e de escaso valor argumental”.
Antecedentes. No ano 2017 o equipo de goberno, capitaneado por Manuel Antelo, decidiu realizar unha modificación na RPT na que resultaron perxudicados varios traballadores do cadro de persoal do Concello de Vimianzo coa diminución das súas retribucións, tanto no complemento específico coma no de destino. Agora, e cunha sentenza en firme sobre a mesa, este punto volverá a tratarse na sesión ordinaria de xaneiro para contar tamén cun informe do departamento de intervención.
Moción de Adiante Vimianzo
Por outra banda, o grupo de Adiante Vimianzo presentou unha moción de urxencia na que se solicitaban máis medidas para reactivar a economía do municipio. A rexedora destacou que o goberno xa ten en marcha varias campañas que supuxeron un desembolso de 178.000 euros para as arcas municipais. «Seguiremos traballando nesta liña, pero que conste que os procedementos destes expedientes non comezan nunha moción de urxencia”, comentou a alcaldesa.