Vimianzo participará nun plan piloto da Deputación para paliar a soidade dos maiores

1 minutes read
  • No programa, ideado para concellos de menos de 20.000 habitantes, tamén se atopan Ortigueira e Muros

A Deputación da Coruña presentou este martes en Vimianzo, na Sala de Conferencias da Casa da Cultura, o seu programa piloto para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores. Este traballo está ideado para concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e enmárcase no Marco Estratéxico do Plan de Acción de Servizos Sociais provincial.

Ana Lamas, deputada de Benestar Social, expuxo os puntos fundamentais deste plan xunto á alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose; Carolina Buhigas, técnica de Servizos Sociais da Deputación, e representantes da empresa adxudicataria do proxecto.

En primeiro lugar identificaranse e categorizaranse os diferentes actores locais que prestan os servizos, recursos, programas ou actividades cos que contan as persoas maiores nestes concellos, sinalando ademais os diferentes perfís de maiores que están sós.

Posteriormente, analizarase a “desconexión” entre a oferta de servizos e programas nestes lugares e as potenciais persoas usuarias para elaborar unha proposta de intervención local que dea resposta ós «baleiros” ao tempo que se reforcen e consoliden as experiencias que se estean desenvolvendo.

O programa iniciarase en Vimianzo, Ortigueira e Muros, aínda que desde a Deputación agardan estendelo ao resto de localidades que cumpran cos requisitos iniciais.

Para a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, este tipo de estudos adquiren unha especial relevancia na sociedade actual, na que «tenden a incrementarse os episodios de soidade en persoas maiores»; mentres que a rexedora vimiancesa enfatizou a importancia de «impulsar políticas de protección cara un colectivo vulnerable como son os nosos maiores», sobre todo coa situación que estamos a vivir.