Vimianzo presentou a XIII edición dos Pinchos Irmandiños

2 minutes read

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, presentou este luns a XIII edición dos Pinchos Irmandiños xunto ás concelleiras Rosa Blanco e María José Pose e varios dos hostaleiros participantes neste programa.  O roteiro gastronómico estará composto de 12 locais e terá lugar do martes 28 de xuño ao sábado 2 de xullo, en horario mínimo de 12:00h a 15:00h e de 19:00h a 23:00h.

A alcaldesa recoñeceu o labor e o esforzo dos hostaleiros nun momento moi complicado para o sector e despois de dous anos de restricións por mor da pandemia.  “Quero facer un agradecemento especial a todos os hostaleiros de Vimianzo neste momento polo que pasan e quero que saiban que sen eles a organización deste ano non sería posible. O voso traballo é un orgullo para todo o noso Concello”.

Pola súa banda, o representante dos hostaleiros, Carlos Gómez, do Bar Celme, lembrou que “foron ano duros estes dous últimos anos pero intentarémolo facer o mellor posible estou convencido de que imos sacar o traballo adiante. A variedade é extensa, doce creacións excelentes para esta edición”, sentenciou.

Os locais participantes serán  o Restaurante Montevideo, co pincho Tesouros de Sabadelle;  a Cervexería Risco, coa súa Torrada de Moscoso; Bodegón A Lareira, Porco con bolas caídas de catapulta;   O Petouco, co Torreón Irmandiño,; O Agocho,  co Enrolado da Santa Irmandade;  Panadaría Perla , co niño do Castelo; restaurante A Lagoa, co Companagium; Algareira, Torreón Cake; Café Celme, cun Desexo carnal; o  Café Bar A Rúa, co Bocado do Mar de Sabadelle;  Panadería Ignacio coas tetiñas da Condesa; e o Restaurante Vía Rápida, co O.P.C. Este ano volverán os agasallos irmandiños para as persoas que selen a ruta completa (12 selos). A cartoliña terase que depositar en calquera dos seguintes locais: Café Bar A Rúa, Restaurante Vía Rápida e Restaurante Montevideo. E deberán ter os datos de contacto cubertos e indicar o que, na súa opinión, é o mellor pincho e o local mellor decorado.

Ademais, entre os que completen a ruta sortearase un lote de produtos Estrella Galicia en función do peso da persoa gañadora. O precio do Pincho Irmandiño será de 2,50 euros e o Pincho Irmandiño más un quinto Estrella Galicia ou auga será de tres euros.