Vimianzo presentou a súa programación cultural de inverno con obras para todos os públicos

2 minutes read

O Concello de Vimianzo deu a coñecer este venres a súa oferta cultural de inverno, unha programación que aúna representacións teatrais e concertos para todos os públicos. A alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica de Cultura, Nieves Lema, foron as encargadas de presentar o cartel completo, cuxas obras para adultos se desenvolverán todos os sábados ás 20:30 horas mentres que as destinadas a un público infantil/familiar serán os domingos ás 18:30 horas. Todas as funcións representaranse na Casa da Cultura. O prezo da entrada é de 5 euros (reducida 2.50€), con descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados, e poderá adquirirse unha hora antes do inicio do espectáculo.

Funcións para público adulto:

12 de febreiro. ‘Arrolando as flores’, de Rilo & Penadique.

19 de febreiro. ‘O meu mundo non é deste reino’, de Teatro da Ramboia (adaptación da ‘Farsa de Bululú’ de Manuel María).

5 de marzo. ‘2pilgrims’, de Redrum Teatro (enfocado ao público adolescente co fin de concienciar, educar en igualdade e inculcar valores que preveñan a violencia de xénero).

12 de marzo. ‘Matrioskas’, unha proposta de Charlatana xunto á cantautora Sofía Espiñeira e a contadora Marta Ortiz.

19 de marzo. ‘Ibuprofeno’, Teatro Smoke on the waterque.

25 de marzo. ‘Rastros’, da compañía Condetrespés. Representación para celebrar o Día do Teatro.

26 de marzo. ‘Código Sapiens’, do vimiancés Vicente Mohedano.

2 de abril. ‘Morte accidental dun anarquista’, de Talía Teatro.

9 de abril. ‘As alumnas’, de Culturactiva.

23 de abril. ‘Drop’, de Pistacatro Productora de Soños.

30 de abril. ‘Leira no Camiño’, da compañía Nova Galega e Danza. O profesor da Escola de Danza Municipal Iván Villar forma parte do corpo de baile.

A venda anticipada para estas obras será a través de www.woutick.es ou no portelo da Casa da Cultura, de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas. Na Casa da Cultura tamén se ofertará un bono para os todos os espectáculos por 37,50€ (excepto para ‘Rastros’, xa que será de balde).

‘Inverno en familia’, funcións para público infantil ou para desfrutar en familia:

13 de febreiro. ‘Ás para Álex’, de Baoba Teatro.

24 de febreiro. ‘Sempre Rosalía’, de Producións Dispersas. Destinado ao público escolar para conmemorar o día da escritora, que se celebra o 23.

13 de marzo. ‘Facede o favor…pensade’ do grupo ‘As avoas’ de Laxe Teatro.

27 de marzo. ‘Carabela’ de Galeatro.

3 de abril. Concerto da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia.

24 de abril. ‘Ciclobiblioteca’ de Anxo Moure. Espectáculo para conmemorar o Día da Terra (22 de abril) e o Día do Libro (23 de abril).