Grupo Lemaco Xiria 40 – Balonmán Rodeiro 29 (20-13).
Dúas xornadas e dúas vitorias para o Grupo Lemaco A na Liga Ouro. Visitaba Carballo un perigoso Balonmán Rodeiro con xogadores de características parecidas aos carballeses, moita mobilidade, velocidade nas accións e calidade no lanzamento a portería. Plantou o Xiria unha defensa arriscada na que a intensidade era primordial e soubo estar a altura do solicitado, conseguindo moitas veces anular o ataque rival e saír con velocidade a contra.
No ataque tamén os de Carballo acertaban coa portería contraria índose ao final aos 40 goles, bos aproveitamentos de espazos e moi boa selección de lanzamentos con transformación en gol, paciencia na elaboración e tendo claro por onde se lle facía máis dano ao contrario.
A vindeira semana o equipo, terá dobre enfrontamento, o venres festivo visitará a pista do Balonmán Porriño, difícil compromiso no que o Grupo Lemaco intentará dar a sorpresa ante o favorito, e o domingo recibirá ao Carballal, outro dos chamados para facerse coa clasificación.
Vitoria do Grupo Lemaco B diante do Línea 21
Balonmán Línea 21: 18 – Grupo Lemaco Xiria B 35 (6-10)
Volvían a enfrontarse nesta nova fase os dous conxuntos, e por terceira vez o Xiria foi moi superior ao Línea 21.
Tan so nos primeiros lances onde o Xiria se amosaba dubitativo e falto de velocidade no seu xogo, os coruñeses igualaban o marcador, pero no momento que os Grupo Lemaco se asentou na pista, era capaz de premar o xogo con balón do contrario roubando para marcar a contra.
Tamén a maior efectividade de cara a gol dos carballeses, pasaba factura ao rival que se ía descolgando no marcador ata ese final 18 a 35.