Este 7 de xullo, a marea ciclista composta por unhas mil cincocentas persoas volveu asolagar a Costa da Morte nun percorrido espectacular e esixente no que os participantes estiveron acompañados de grandes nomes como Miguel Induráin, que regresou á marcha, Chiapucci ou Pável Tonkov. Que non cho conten: o Gran Fondo Ézaro está aquí e hai que vivilo. Trátase dunha contorna paisaxística única, coa subida ao «muro» e cun desnivel de máis do 30%. É ademais, a única proba en España que forma parte do circuíto internacional UCI GRAN FONDO WORLD SERIES, desenvolto polo máximo organismo mundial de ciclismo e que inclúe ás máis prestixiosas probas ciclistas do mundo. Miguel Indurain e Claudio Chiappucci demostraron no muro do Ézaro que se manteñen en forma, sobre todo o exciclista profesional español, que afrontou o roteiro longo do Gran Fondo Ézaro, onde repetiu triunfo o portugués David Vaz. No roteiro curto, na que competiu o italiano Chiapucci, a vitoria foi para Tiago Fernandes. Os primeiros participantes comezaron a chegar a Ézaro ás sete da mañá e formáronse fileiras de coches aparcados a ambos os dous lados da estrada xeral que atravesa o pobo ata o veciño O Pindo.
24