A Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular que conecta dous roteiros xacobeos (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), segue dando pasos firmes para afianzarse como unha das opcións turísticas máis interesantes para este período estival en Galicia. Nestes días, acaban de finalizarse os traballos de sinalización definitiva de Volta de Gloria ao seu paso polos municipios de Carnota e Cee.
Unha sinalización composta por postes de madeira coa imaxe de Volta de Gloria, unha frecha azul para indicar o roteiro para seguir polo camiñante e tamén unha referencia da distancia en quilómetros ás localidades máis relevantes deste percorrido. Un itinerario delimitado en base ao traballo de Antón Pombo, José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra, tres profesionais de recoñecida traxectoria e experiencia en materia turística e cultural.
O percorrido de Volta de Gloria coincide co proxecto de Senda Litoral de Galicia, que promove a Xunta de Galicia, o que supón unha importante vantaxe tanto na racionalización da utilización de recursos públicos como na minoración do impacto ambiental que supoñería un dobre itinerario. “O resultado é un roteiro ao bordo do mar por un dos tramos máis impactantes e mellor conservados do litoral peninsular, con paisaxes icónicas e atractivos naturais, sinalizada con frechas azuis, e non amarelas, xa que segue a súa leitmotiv, que é o mar”, explica Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago.
Un punto no que coincide José de la Riera, para quen Volta de Gloria é “un agasallo etnográfico, lendario e paisaxístico, un auténtico premio ao final do fin de todos os Camiños de Europa”. Escritor, investigador e membro fundador de distintas entidades como a Asociación Galega de Amigos do Camino de Santiago, a Fraternidade Internacional do Camino de Santiago ou a Asociación Vía Mariana, José de Rísea explica que “Volta de Gloria é un itinerario mítico que enlaza montes sacros xunto ao océano infinito. O Faro de Fisterra, o Olimpo Celta do Monte Pindo, o Monte Louro… un itinerario para aventureiros, buscadores, disfrutones e, sobre todo, xente sen présa, desas que foxen do Camino menú do día e descobren como a apenas cincuenta metros do seu roteiro poden atopar tesouros milenarios”.
Promoción do itinerario
O seguinte paso a dar por Volta de Gloria está vinculado á súa promoción. Para iso estase perfilando un folleto informativo que recolla o itinerario sinalizado e tamén se traballa na posta a piques dunha páxina web, que recollerá todos os atractivos naturais, históricos, gastronómicos e patrimoniais que se poden gozar entre Cee e Muros. Dúas iniciativas que verán a luz proximamente.
Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Onda eles están moito atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota onda algúns dos hórreos máis grandes e famosos da comunidade.
Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas ao financiamento do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio. Trátase dun produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto tamén a senderistas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana. “Xente con liberdade, curiosidade, inquietude e espírito de procura, que non se deixan levar como fardos. Un premio para buscadores e aventureiros ao final de todos os Camiños de Europa”, conclúe José de la Riera.