Volve ‘A luz da ciencia’ ao Dolmen de Dombate

1 minutes read

As aulas científicas organizadas pola Deputación da Coruña a través da área de Patrimonio e o Concello de Cabana, volven cunha xornada que terá como tema principal a protección do ceo nocturno. Seran dúas sesións, que nesta ocasión estarán abertas ao público presencialmente, e que se celebrarán no propio Dolmen de Dombate o xoves 14 e venres 15, ambos días ás 19h.

A primeira das sesións, con dous relatorios, estará dedicada á certificación de destino Starlight, un proceso no que está participando neste momento o territorio da Costa da Morte. O primeiro leva por título «Preservación do ceo nocturno e desenvolvemento sostible local» e correrá a cargo de Antonia M. Varela Pérez, directora xerente da Fundación Starlight e enxeñeira superior do Instituto de Astrofísica de Canarias; e o segundo «Destinos Starlight: a paisaxe no ceo» a cargo de Óscar Blanco Varela, astrofotógrafo, socio fundador da Agrupación Astronómica Ío e director do Centro Astronómico de Trevinca. A sesión continuará cunha mesa redonda ao redor do «desenvolvemento asociado ás certificacións Starlight» e rematará, ás 23h, cunha observación astronómica desde o chan de Dombate.

Na sesión do venres o primeiro relatorio versará sobre «Contaminación luminosa: a desaparición da noite» a cargo de Xabier Pérez Couto, matemático e investigador en contaminación luminosa. Continuará coa inteverción «Utilizando a tecnoloxía e luz artificial nocturna para iluminar sen contaminar» a cargo de Susana Malón Giménez, CEO e directora de Lumínica Ambiental e membro da Junta de Gobierno do Comité Español de Iluminación, e rematará cunha mesa redonda titulada «Como de realistas son as medidas de control da contaminación luminosa».