Volve a Razo o Torneo Fundación Luis Calvo de volei praia

Presentación Torneo Fundación Luis Calvo Sanz de vóley playa_Ayuntamiento de Carballo

  • Será este domingo 25 se a situación meteorolóxica o permite

A ADC Volei Praia Costa da Morte quere recuperar o Torneo Fundación Luis Calvo Sanz, un clásico do verán que nos últimos anos viña batendo marcas de participación e de público. A edición número XIII aínda se resiste, tanto pola situación sanitaria (que xa obrigara a adiar o evento a este ano) como pola meteoroloxía. Se o tempo o permite, o torneo celebrarase na praia de Razo este domingo 25.

Coa ilusión e a esperanza por diante, este xoves presentouse a competición nun acto ao que acudiron o presidente da ADC Volei Praia Costa da Morte, Rosalino Mariño; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e os monitores do club impulsor do deporte do volei.

«O ano pasado non se puido facer debido á COVID-19, pero este ano, aínda con limitacións, vaise levar a cabo», asegurou Rosalino Mariño, facendo alusión á redución do número de participantes e de categorías, que nesta ocasión serán sénior masculina e feminina, sub-17 masculina e feminina e súper 80 masculina e mixta. «Hai moita xente que o demanda, e ademais é un torneo que lle dá prestixio a Carballo», engadiu.

O prazo de inscrición está aberto ata o venres 23, incluído. As persoas interesadas só teñen que cubrir este formulario.
Tamén haberá categoría supermini, pero neste caso as inscricións poderán realizarse o mesmo día do torneo, ata as 12:00 horas, na propia praia.

Mariño lamentou que, por culpa da situación sanitaria, non poida ofrecerse ás persoas participantes a tradicional paella; e indicou ademais que no caso de que a choiva impida celebrar o torneo este domingo, fixarase unha nova data para o mes de agosto.

Durante estes dous meses seguirán a disposición de todas as persoas afeccionadas as tres pistas de volei praia situadas na zona da explanada de Razo, tanto por libre coma nas escolas que organiza o Concello de Carballo coa colaboración da ADC Volei Praia Costa da Morte.