Volven as cabazas aos xardíns de Carballo

1 minutes read

Ás portas do Samaín, e coincidindo coa decoración con cabazas das prazas de Galicia, da Cruz Vermella e do Concello, arrinca unha nova edición da campaña Presume de xardíns, na que se conta coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín co obxectivo de fomentar o coidado e o respecto polas zonas verdes e os espazos públicos. 

Dentro do programa de sensibilización medioambiental Catro estacións, os nenos e nenas poden participar na decoración dos xardíns con cabazas decoradas para implicalos no coidado das zonas verdes, tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, e fomentando ademais a creatividade infantil. Con esa finalidade habilítanse catro zonas próximas a centros escolares: rúa Eduardo Pondal, rúa Campo da Feira, Parque do Anllóns e Parque do Chorís. para poder seguir enchendo de cor eses espazos baleiros, utilizando ademais un elemento tan característico desta época de Samaín. 

Como novidade, todas as persoas que envíen fotos da colocación das súas cabazas decoradas nos xardíns recibirán un agasallo. As imaxes deben enviarse por correo electrónico a comunicacion@carballo.gal, e publicaranse nas redes sociais do Concello de Carballo. 

Ademais da colocación das cabazas, nesta época os protagonistas dos xardíns municipais son os crisantemos, polo que poderedes ver numerosos exemplares de Chrysanthemum indicum en diferentes cores.