VOX arrasa, tamén en A Coruña

2 minutes read

O presidente de VOX, Santiago Abascal, ofreceu este luns na Coruña o único acto de campaña que protagonizou en Galicia. Fíxoo no Palacio de Congresos e Exposicións Palexco ante unhas 1.500 persoas.

Abascal tivo que improvisar outro acto minutos antes do central na chaira de acceso debido ás máis de 1.500 persoas que quedaron fóra segundo a organización.

Tomou a palabra en primeiro lugar o coordinador da formación na Coruña, Pablo Cancio, que tivo palabras para o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, do que dixo que menospreza a forza de VOX na comunidade.

O seguinte en subirse á tribuna foi o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Miguel Ángel Fernández, que explicou as actuacións que pretenden levar a cabo con incidencia na rexión, fundamentalmente nos sectores pesqueiro, industrial, agroforestal e gandeiro. Fernández dixo que o que máis están a escoitar en conversacións con membros destas actividades empresariais é un “que nos deixen traballar”.

Tamén comezou a súa intervención Santiago Abascal facendo referencias a Alberto Núñez Feijóo, a quen reprochou as súas palabras acerca de cuestionar a cabida de VOX en Galicia. Abascal apelou en ton emocional aos seus antepasados galegos, como a súa nai ou a súa avoa e criticou a actitude da Xunta en temas como a política lingüística, da que dixo promover “un galego de laboratorio”. Acusou o presidente autonómico de nacionalista, cacique, soberbio, mentireiro e manipulador, e apelou ao sentido común para pedir o voto para a súa formación, ademais de criticar a tarefa doutras formacións estatais como o Partido Popular ou Ciudadanos. Entre as medidas propostas neste acto, Abascal tocou a ilegalización de partidos separatistas, a creación de emprego por parte da sociedade civil, rebaixas fiscais e protección das familias, a defensa da sociedade rural coa protección dos touros e a caza, a defensa ás mulleres e a defensa propia sen necesidade de proporcionalidade. O acto finalizou coa reprodución do himno de España.


Santiago Abascal durante a súa intervención en Palexco. Foto.- Fran Lago.

Preto dunhas 200 persoas convocadas por colectivos antifascistas congregáronse ás portas de Palexco para facer fronte ao acto da formación de ultradereita con cánticos e pancartas, sen ter que apuntar incidentes significativos.

  • Fran Lago.