VOX discrepa das novas axudas de Igualdade da Xunta


A formación de VOX en Galicia criticou que o Goberno autonómico (PP) utilice a mesma dinámica que a ministra de igualdade, Irene Montero, para destinar parte do diñeiro público a políticas feministas que “deixan de lado os problemas reais que teñen os cidadáns e discriminan á metade da sociedade galega”.

En concreto, a formación referiuse á Resolución 6 de setembro de 2022, que publicou este martes a Secretaría Xeral de Igualdade no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que recolle as bases reguladoras para a concesión de subvencións para levar a cabo programas que están dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, e cuxo importe excede os 755.000 euros.

E é que, para VOX en todas as provincias galegas, é necesario defender a igualdade social, laboral e de oportunidades entre todas as persoas, no canto de “aplicar a perspectiva de xénero para enfrontar a homes e mulleres, tal e como está a facer a Xunta de Galicia con estas axudas”.

Porque ditas subvencións -explican desde a formación- “non promoven a igualdade, senón que inciden na desigualdade entre ambos os sexos, fomentando o sustento dos chiringuitos feministas”, conclúen.