Vox cualifica as medidas sanitarias de Feijóo de “atropelo” ás liberdades e dereitos

1 minutes read

Os catro presidentes provinciais de VOX en Galicia aseguran que as medidas anunciadas pola Xunta atentan contra as liberdades e os dereitos fundamentais das persoas, polo que están a valorar as posibles ilegalidades nas que poida incorrer a orde.

No que se refire ao toque de queda proposto polo goberno galego, o presidente de VOX Coruña e vice secretario xurídico provincial, Miguel Ángel Fernández, entende que “non parece que exista unha base legal que xustifique a súa aplicación por parte da administración autonómica, á marxe de que restrinxe o dereito de reunión ou a libre circulación dos cidadáns”. “A medida é desproporcionada e constitucionalmente cuestionable”, engade.

Os catro equipos provinciais de VOX en Galicia lamentan que “Núñez Feijóo estea a gobernar Galicia impoñendo “unha ditadura onde se “violan continuamente os dereitos fundamentais” con medidas que, tal e como se demostrou noutras ocasións, “só serven para sacrificar a xa deostada economía galega”.

Con respecto ao pasaporte COVID, todos os portavoces provinciais da rexión lembran as palabras do presidente de VOX, Santiago Abascal, quen advertiu de que “é un ataque inadmisible a liberdades e dereitos fundamentais, a nenos e maiores”. “Dicimos e diremos NON á tiranía, calquera que sexa a escusa que poñan. Fixémolo e farémolo no Parlamento, nos tribunais e nas rúas”, incide Abascal.