Xa están dispoñibles, en formato online, as segundas xornadas de «A Luz da Ciencia desde Dombate»

1 minutes read
  • O tema central do contido é a vacinación contra a covid-19 e a loita contra esta pandemia

Desde este venres xa están dispoñibles na rede as segundas xornadas científicas de «A Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate». A exposición do contido ao público estaba prevista para o vindeiro venres, 10 de xuño, pero desde a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana decidiron adiantala debido á actualidade do tema a tratar: a vacinación fronte á covid-19. O material poderá consultarse nas páxinas web do ente provincial e do Concello.

A evolución da vacinación contra a enfermidade no noso país e as consecuencias do virus son os temas centrais, nunha sesión na que participan o catedrático en física aplicada pola USC, Jorge Mira; o xerente da área sanitaria da Coruña – Cee, Luis Verde; o doutor Ángel Carracedo; Federico Martinón; Marisa Juanes Carrasco; Margarita Poza.

Durante as sesións analizarase a evolución do proceso de vacinación e afondarase nas súas consecuencias para a sociedade. Tamén se tratarán cuestións como o motivo polo que algunhas persoas sofren máis a enfermidade ou que se pode facer para loitar contra esta pandemia.

Estas aulas científicas, carácter trimestral, teñen como obxectivo «achegar a ciencia e a cultura á poboación a través dos propios investigadores», sinalan desde o Concello de Cabana.