Carballo | En marcha as obras financiadas co remanente do ano 2019

3 minutes read
  • Os proxectos acadan un investimento de 3,4 millóns, destacando a reforma do Pazo da Cultura e as obras de reurbanización das rúas Pontevedra, Baños Vellos e Ourense

Co inicio do expediente de contratación dos proxectos de reurbanización das rúas Pontevedra, Baños Vellos e Ourense, no concello de Carballo xa están en marcha todas as obras que se financiarán con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais do ano 2019, e que suporán un investimento total de 3.411.416,10 euros. Grazas á suspensión das regras fiscais para o período 2020-21 por parte do Goberno do Estado, a Administración local poderá acometer as seguintes actuacións:

  • Accesibilidade en beirarrúas da zona A Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra. Orzamento: 216.519,94 euros. Adxudicada a Excavaciones y Obras Candal na Xunta de Goberno Local do 12 de abril. En execución.
  • Rede de saneamento e abastecemento de agua en Cambre e Outeiro (Lema) e Cambrelle (Razo). Orzamento: 416.971,86 euros. Adxudicada a Vázquez y Reino na Xunta de Goberno Local do 12 de abril. A piques de comezar.
  • Reforma do centro social do barrio da Milagrosa. Orzamento: 147.317,86 euros. Adxudicada á empresa Covisam Norte na Xunta de Goberno Local do 26 de abril. En execución.
  • Substitución de cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”. Orzamento: 255.312,90 euros. Adxudicada na Xunta de Goberno Local o 26 de abril. En execución.
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa. Orzamento: 368.311,59 euros. Adxudicada na Xunta de Goberno Local do 21 de xuño a Vázquez y Reino.
  • Reforma do mercado, 2ª fase. Orzamento: 101.068,12. En licitación. Adxudicada na Xunta de Goberno Local do 7 de xuño á empresa Desarrolla Obras y Servicios.
  • Seguridade no polígono industrial de Bértoa. Orzamento: 181.000 euros. En fase de evaluación das ofertas presentadas.
  • Ampliación do cemiterio municipal, 1ª fase. Orzamento: 699.520,70 euros. En fase de evaluación das ofertas presentadas.
  • Reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil. Orzamento: 82.516,43 euros. En fase de evaluación das ofertas presentadas.
  • Reurbanización da rúa Pontevedra. Orzamento: 151.344,30 euros. Aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 26 de xullo.
  • Reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos. Orzamento: 294.631,77 euros. Aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 26 de xullo.
  • Reforma do Pazo da Cultura, 1ª fase. Orzamento: 428.600,63 euros. Aberto o prazo de presentación de ofertas ata o 5 de xullo.

O único investimento que queda pendente, xa que depende da consecución de fondos europeos para o proxecto “Carballo Sostible: Enerxías renovables e eficiencia enerxética nos edificios públicos”, serían os 68.000 euros correspondentes á achega municipal para a execución das actuacións previstas, que suman outros 2 millóns de euros. Un dos condicionantes á hora de elixir as obras a financiar co remanente foi que deben estar rematadas a 31 de decembro deste ano.

«Seguir mellorando na mobilidade e a accesibilidade na zona urbana, apoiar a actividade no polígono industrial mellorando a súa seguridade, avanzar na extensión dos servizos de saneamento e abastecemento de auga a todas as parroquias ou acometer a necesaria ampliación do cemiterio municipal son motivos que xustifican os investimentos previstos», destacan desde o Concello, facendo fincapé en que «ampliaremos cun novo paquete de actuacións con cargo ao remanente do 2020 por un importe total de 3.133.956,31 euros».