Xaneiro foi moi frío e húmido, segundo os expertos

1 minutes read

A Comunidade galega viviu un mes de xaneiro moi frío e húmido, debido ao paso de sucesivas borrascas, cinco das cales foron nomeadas. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que o primeiro mes de 2021 quedou caracterizado por dúas partes moi diferentes: as primeiras semanas foron moi frías, pero en xeral secas; mentres que na segunda quincena se rexistrou a continua chegada de borrascas, que provocaron chuvias xeneralizadas, con ventos do suroeste que ocasionaron un notable ascenso das temperaturas.

Debido á presenza dunha masa de aire moi fría, as baixas temperaturas acadadas na primeira quincena, marcaron o mes. O valor medio das temperaturas máximas foi de 9.4 ºC, acadándose os valores máis altos no interior da península do Morrazo, con valores próximos aos 14 ºC. As máximas máis baixas déronse na alta montaña ourensá, principalmente en Pena Trevinca, onde se acadaron os 0.4 ºC.

En relación coa temperatura media das mínimas, o valor medio situouse nos 2.7 ºC, sendo o macizo de Manzaneda e a comarca da Limia, con temperaturas medias inferiores aos -3 ºC, onde se rexistraron os valores máis baixos. Pola contra, os valores máis altos déronse de forma xeneralizada no litoral da Comunidade, con valores próximos aos 8 ºC.

Así, a anomalía da temperatura media para este mes de xaneiro foi de -0.80 ºC, o que fai que o mes poida considerarse no conxunto de Galicia como moi frío. Isto debeuse principalmente as temperaturas máximas, que foron moi frías (-1.30 ºC), mentres que as mínimas foron frías (-0.40 ºC). A anomalía deste ano igualouse á do 2019, ambas co precedente máis frío en 2006.