Desde este venres e ata o vindeiro domingo celébrase entre OPorto e Barcelos a quinta edición do Rallyspirit Altronix, unha proba en territorio luso onde os auténticos protagonistas son os coches históricos e que marcaron unha época nos rallyes hai máis de 25 anos. Entre os equipos rexistrados no evento que se disputa en Portugal estarán os galegos Xesús Ferreiro e Xavier Anido, que acudirán por primeira vez a esta cita coa súa Ford Escort RS MKII 1800 co que recentemente vencían no Rallye Rías Altas Histórico. O piloto de Melide móstrase moi ilusionado co seu debut nunha proba tan especial pois “xa desde a súa primeira edición tentaramos estar, pero nunca se deron as circunstancias necesarias ata o de agora.
Ademais e aínda que hai clasificación e os tramos son cronometrados, esta é unha carreira máis enfocada ao espectáculo xa que non é puntuable para ningún campionato, aínda que é obvio que a todos gústanos gañar ou facelo da mellor forma posible, polo que trataremos de correr como é habitual en nós para tentar clasificarnos nas primeiras posicións. Somos conscientes de que hai coches moi bos e pilotos que conseguiron moitos títulos internacionais e nacionais nas súas traxectorias, pero ese é outro dos motivos polos que acudimos, para ver se podemos rodar ao seu mesmo nivel”.