O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, na reunión da Comisión Galega de Cooperación Local, co obxectivo de facer balance das liñas de cooperación entre o Goberno galego e os concellos e avanzar en medidas para loitar de forma conxunta contra a covid-19 como o plan para garantir unha apertura segura da hostalería.
Este plan guiará a desescalada do sector con tódalas garantías e basease en 3 piares: máxima seguridade no acceso debendo indicar o límite de aforo; a posta en marcha dun sistema de rastrexo para facilitar a localización das persoas en contacto cun positivo ante un posible gromo; e máximo control nas medidas de prevención ante a covid-19.
Nesta liña, abordouse o Plan de colaboración coas policías locais para o cumprimento das medidas anticovid nos establecementos hostaleiros, a través do cal a Xunta empraza aos concellos a garantir o cumprimento das restricións vixentes nos negocios de hostalería cando o comité clínico decida a súa reapertura.
En concreto, controlarase que estes negocios informan e respectan o límite de aforo establecido, compren os horarios de apertura e peche, así como as demais medidas de prevención ante a covid-19 como manter a distancia mínima de seguridade ou o uso obrigatorio da máscara.
Os controis realizaranse por parte das Policías Locais nos concellos con este corpo de seguridade -máis dun cento en Galicia- e contarán con apoio das demais forzas de seguridade naqueles municipios que non dispoñan de efectivos de Policía Local ou non teñan creado este corpo de seguridade ao contar con menos de 2 axentes.