Xunta e Deputación da Coruña da man no apoio ao proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal

1 minutes read

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou en Valdoviño na presentación do proxecto Xeoparque do Cabo Ortegal a importancia dos fondos europeos para reforzar Galicia como destino seguro.

Mentras, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, centrou a súa intervención no camiño percorrido ata o de agora para botar a andar o proxecto de Xeoparque de Ortegal salientando en primeiro lugar a colaboración entre os sete concellos implicados – Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Cariño, Cedeira, Ortigueira e Cerdido-, e a súa implicación desde hai anos. 

O proxecto do Xeoparque Cabo do Ortegal, impulsado pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal e promovido pola Deputación da Coruña para os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, é un dos 9 presentados por entidades de tódolos signos políticos e considerados aptos polos técnicos da Xunta e o Goberno central.

A iniciativa do Xeoparque Cabo Ortegal cumpriu, ao igual que os outros 8 proxectos considerados aptos por ambas administracións, cos criterios esixidos pola Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino da Secretaría de Estado de Turismo, isto é, transición verde e sustentable, eficiencia enerxética, transición dixital, calidade e vocación turística do destino, ademais do carácter litoral do plan.

O proxecto pretende modernizar e facer máis sostible a oferta turística do territorio que abarca os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño e co obxectivo de reforzar tamén a súa candidatura para ser declarado xeoparque mundial pola Unesco, unha distinción que en Galicia só acadou ata agora o xeoparque das montañas do Courel.