Xunta e Fegamp asinan un convenio para a tramitación de sancións relacionadas coa Covid

1 minutes read

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, asinou co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, un convenio para articular a encomenda de xestión para a realización de actuacións auxiliares e de colaboración cos concellos na tramitación dos procedementos sancionadores relacionados co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a covid-19.

A través deste acordo, a Xunta ofrecerá aos concellos medianos e pequenos que se adhiran de forma voluntaria a asistencia técnica e material necesaria para a tramitación dos procedementos sancionadores cando o incumprimento sexa en ámbitos competencia dos municipios.

Deste xeito, dan cumprimento ao compromiso para axudar aos concellos con menos recursos a tramitar os expedientes sancionadores co obxectivo de contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios.

Pola súa banda, os concellos que se adhiran ao presente convenio se comprometen a iniciar, instruír e resolver os procedementos sancionadores debendo remitir a Xunta a información precisa para que esta poida executar a encomenda de xestión.