A Xunta consensuará cos representantes da hostalería galega os pasos que se van dar para a progresiva reapertura do sector no marco dunha desescalada gradual e segura, tal e como se acordou nun encontro entre os representantes da Administración autonómica e dos hosteleiros para coñecer as prioridades do sector nun proceso baseado na baixada de contaxios e que é froito dun esforzo colectivo.
Na reunión, á que asistiron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Traballo, María Jesús Lorenzana, acordouse que os hostaleiros farían as súas propostas sobre como ir desescalando nas vindeiras semanas e ir ampliando horarios e reabrindo os negocios que aínda permanecen pechados se se manteñen os bos datos epidemiolóxicos dos últimos días. Esas propostas serán analizadas posteriormente polo comité clínico, que avaliará a súa idoneidade.