Xunta e Goberno Central coordinan as medidas de control das vendimas

1 minutes read

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou nunha xuntanza celebrada na Subdelegación de Goberno co obxecto de coordinar os recursos dos Gobernos central e autonómico para o control do transporte de uva e de mosto en estrada na provincia de Ourense nestas datas de vendima e evitar, así, situacións fraudulentas que se poidan producir coa entrada de uva foránea.

Na reunión tamén participaron o subdelegado de Ourense, Emilio González, responsables da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil, así como responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe existentes na provincia: Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas e establecer criterios de coordinación entre as distintas administracións e consellos reguladores para o control de entrada de uva foránea; e nos que se ven traballando de xeito permanente con intercambio de información.