Xunta e traballadores de Alu Ibérica acordan reclamarlle ao Goberno un prezo eléctrico estable

2 minutes read
  • Tamén piden unha auditoría técnica e financeira para ratificar que se están cumprindo os compromisos adquiridos na venda

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, reuníronse este martes co comité de empresa de Alu Ibérica co que acordaron solicitar por escrito ao Goberno central que faga unha auditoría técnica e financeira do contrato de venda da factoría e que se traslade á Mesa do Diálogo Social en España a necesidade de establecer un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva.

Ao termo da xuntanza, Conde subliñou que Xunta e comité de empresa teñen unha “visión compartida” ante “un obxectivo común”, que é defender os intereses dos traballadores e, polo tanto, que se establezan garantías para que a planta de Alu Ibérica poida manter os seus postos de traballo máis alá do 2021.

Esas garantías, segundo Conde, pasan, en primeiro lugar, por que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estableza un prezo eléctrico competitivo en igualdade de condicións que o resto de países europeos e se poida garantir así a produción de aluminio primario en Galicia. Por iso, Xunta e comité de empresa van reclamar conxuntamente que haxa un acordo a nivel nacional entre Goberno e sindicatos na defensa desta industria.

En segundo lugar, sinalou a necesidade de que o Goberno, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, faga unha auditoría técnica e financeira para avaliar o grao de cumprimento dos acordos adoptados entre Alcoa e Parter hai un ano e se garantan eses compromisos ata xuño de 2021.

A Xunta tende a man ao Goberno para colaborar e acadar unha solución. Consideran que é necesario que desde a Administración central se convoque a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre do ano, se incremente o orzamento das compensacións por emisións de CO², e se aprobe o Estatuto para os consumidores electrointensivos en base ás alegacións presentadas polos gobernos autonómicos de Galicia, Asturias e Cantabria, polos traballadores e pola propia industria.