A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza telemática con representantes da Federación Galega da Construción e de Ageinco, na que tamén participaron os presidentes destas entidades, Diego Vázquez Reino e Daniel Prieto Renda, respectivamente.
A titular de Infraestruturas explicou que a Xunta vén de presentar ante o Ministerio 10 conxuntos de proxectos para seguir avanzando na modernización do transporte e na mobilidade sostible, que suporán un investimento conxunto de 400 millóns de euros de fondos europeos de recuperación.
Na reunión abordáronse dous deses programas, vinculados á execución de sendas peonís e ciclistas en Galicia. Neste sentido, a conselleira sinalou que se trasladaron iniciativas para construír novas sendas e investir 92 millóns de euros deses fondos.
Lembrou que no período operativo 2014-2020 se executaron case 170 km de sendas peonís e ciclistas nas estradas autonómicas, con fondos europeos e fondos propios, e que o obxectivo é seguir transformando a mobilidade con novos itinerarios, tanto nas estradas autonómicas como nas de titularidade doutras administracións, e coa prolongación e mellora da rede de rutas ciclistas Eurovelo.
Engadiu que tamén se solicitou ao Ministerio o investimento doutros 91 millóns de euros para o acondicionamento de estradas no rural e para a mellora da accesibilidade.