A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto, presentou na tarde deste sábado nas instalacións do Fórum Carballo o seu completo programa de cara a formar un ‘Goberno progresista real’ a partir das eleccións do vindeiro 28 de maio. Un programa composto por máis dun cento de propostas e iniciativas ‘elaboradas directamente coa cidadanía carballesa e das súas parroquias, a prol de loitar por un Carballo máis xusto’. No acto interviñeron varios membros da candidatura, Patricia Rodríguez, Víctor Fraga, Nieves Sánchez, Chus Seone, Luis Bardanca, así como o propio candidato á alcaldía de Carballo, Xesús Deus Gende. Cada quen na súa área foron desgranando as carencias actuais do termo municipal e tamén as súas propostas para emendalas.
Críticas
Especialmente crítico coa situación actual foi Deus Gende, quen afirmou sentirse “farto de ver cómo se despilfarra o diñeiro público. Estamos cansos de aguantar a un goberno municipal opaco, demagóxico e burócrata, mentres a veciñanza ve como non se solucionan os seus problemas cotiáns. A continua propaganda e engano fíxose unha constante, tomando á cidadanía como títeres sen voz nen voto amparados por unha maioría absoluta acadada dende a mentira como de defensores do pobo, que non deixa de ser unha falsidade manifesta”, dixo.
Propostas
Xesús Deus Gende rematou afirmando que “Precisamos uns servizos sociais que garantan unha atención áxil e de calidade. Un comedor social e un albergue público onde atopen refuxio os máis desfavorecidos da sociedade. Un plán de mellora inmediato de vías públicas, alcantarillados, traídas de auga ou zonas de ocio. Unha transparencia que permita á cidadanía ver onde e como se invierte o diñeiro de todos/as. Un centro de saúde acorde a unha vila coma a nosa con máis especialidades, máis profesionais que garantan unha atención axeitada con pouco tempo de espera. Un fondo económico para emerxencias sociais, autónomos ou hostalaría entre outros. Un transporte municipal gratuito para persoas maiores ou xente con poucos recursos que carezan de permiso de conducir, para facer xestións ou acudir a o médico. É moi necesaria unha nova canceira municipal que permita aplicar a normativa vixente en canto a o benestar animal. A circunvalación ou o tan ansiado edificio para as diferentes asociacións precisan un forte empuxe e compromiso. As parroquias piden a berros moitas melloras en diferentes eidos. Un novo plan de seguridade cidadán é urxente e necesario”, concluíu.