Xuntos Carballo M+J continua o seu percorrido polas parroquias visitando Cances e Goiáns

2 minutes read

A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto segue percorrendo as distintas parroquias e barrios. Nesta ocasión o secretario xeral, Xesús Deus Gende, o de organización, obras e servizos, José Luis Bardanca, así como o responsable de zona, Sergio Gundín Vilanova, visitaron as parroquias de Cances e Goiáns para conversar cos veciños/as e ao mesmo tempo recoller diferentes opinións.

Algunhas fan referencia ao mal estado dalgunhas pistas e estradas, ou a falta de limpeza de maleza. As máis significativas ao abandono desde hai anos da antiga estrada que unía Carballo con Malpica, á altura de Xoane, que aínda que é continua a promesa do seu arranxo segue nun estado lamentable.

A vecinanza mostra o seu asombro e indignación no referente á construción do centro social prometido na parroquia de Goiáns que non chega nin se lle espera a curto prazo. Entre outros, chama a atención o estado de abandono do lugar de Bas. Un firme de antigo cemento cunha falta importante de mellora, o ridículo parque infantil existente cun só tobogán, que non é utilizado pois as escaleiras para subir están podrecidas ou unha zona de abundante maleza de uso común sen limpar fan que veciños/as mostren o seu malestar.

En Cances comunican a tardanza en canto ao acondicionamento do firme que une Cances Grande coa Igrexa prometido en varias ocasións, o mal estado da antiga estrada que unía coa de Malpica ou as fondas fochancas da pista que enlaza con Oza.

«Percorremos outras dúas parroquias que necesitan diferentes melloras. En varios lugares parámonos con veciños/as que nos agradeceron a visita, pois é bastante raro que grupos políticos visiten os seus lugares de residencia. Para nós foi un pracer o poder compartir un intre de charla e coñecer de preto as súas opinións. Dar novamente as grazas polo bo trato recibido», sinalou Xesús Deus Gende.