- Hai uns meses produciuse un desprendemento na mesma provocando un gran focho
O secretario local de ‘Xuntos Carballo por un mundo máis xusto’, Xesús Deus Gende, xunto ao responsable de obras e servizos José Luis Bardanca, achegouse esta fin de semana a Razo para «constatar a escaseza, en canto a medidas de seguridade se refire, transmitida pola veciñanza desta parroquia carballesa».
Hai uns meses unha parte importante da vía que transcorre paralela ao mar veuse abaixo, o que causou un enorme focho. Segundo a formación, as medidas de protección existentes, compostas por dous bloques de formigón en cada acceso, dous valados metálicos e uns sinais de prohibición de plástico son «moi deficientes». Por este motivo, desde Xuntos Carballo solicitan ao Concello que proceda «de maneira inmediata a mellorar a seguridade da zona» coa instalación, por exemplo, de valados de obras metálicos máis longos ou sinais informativas de maior tamaño.
Por outra banda, a agrupación demanda que o goberno local axilice os trámites ante as administracións pertinentes para «arranxar o máis axiña posible a desfeita da vía».