Xuntos Carballo recolle a necesidade de melloras en Razo

1 minutes read

Segundo un comunicado emitido pola agrupación municipalista Xuntos Carballo, foron varios os veciños da parroquia carballesa de Razo os que se puxeron en contacto con eles, para trasladarlles o mal estado no que se atopa o cercado que separa o campo de fútbol do resto das instalacións deportivas.

«Tan só fai falla unha sinxela ollada para ver o esquecemento da zona deportiva. Foron os propios usuarios os que procederon a erguer como mellor puideron a arambrada, cousa perigosa tendo en conta que non son persoal especializado ou cualificado nestas funcións e carentes da preparación axeitada para levar a cabo esta clase de traballos, que para nada lles corresponde desenvolver», afirman.

Ante o perigo que supón o estado actual do peche de arame, «instamos ao Concello que actúe en consecuencia e coa maior brevidade posible proceda ao seu arranxo».

O que hoxe é un perigo real pode convertirse en algún tipo de accidente, polo que cumpre poñer solución con urxencia, afirman desde Xuntos Carballo.