A vicepresidenta segunda do Goberno en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz, acusou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de cometer unha “fraude constitucional” coa súa investidura para afrontar a “enésima e profunda crise” no seu partido e para “tombar” un goberno progresista “nonato” e a “desestabilización social”. Díaz asegurou ademais que o Partido Popular está a buscar “enfrontar” territorios e “incendiar Cataluña” e o resto do país e tachou a Feijóo de “aprendiz de Trump”. Doutra banda, defendeu que “necesitamos máis que nunca un goberno de coalición progresista” e criticou a “ineficacia” dun Feijóo que “non fala con ninguén” para ser investido: “Está a instrumentalizar o artigo 99 da Constitución que lle permite someterse á investidura para resolver cuestións internas”. Tamén instou de novo ao líder ‘popular’ a retirarse da investidura e comunicar ao rei “que non continúa”. Ao seu xuízo, o que está a facer é “perder o tempo que a cidadanía necesita” para que un Executivo “resolva os seus problemas”.
0