O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, solicitou este martes durante unha reunión coa ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, celeridade na distribución dos fondos de emprego ás comunidades autónomas e axudas directas para os sectores máis afectados pola crise por mor da pandemia.
No tocante ao primeiro asunto, Feijóo valorou a confirmación por parte da ministra do incremento total dos fondos de emprego en máis dun 30%, así como o obxectivo de celebrar nas vindeiras semanas a Conferencia sectorial de emprego. “Espero que nas vindeiras semanas teñamos as contías para que poidamos empezar xa a convocar os programas de emprego de xeito inmediato, porque practicamente estamos en abril e necesitamos executar o orzamento”, dixo, asegurando que Galicia cumprirá os obxectivos que se establezan.
Así mesmo, constatou que a Comunidade galega tamén cumprirá cos criterios que marque a UE para poder xestionar os fondos dos programas europeos nesta materia, que ascenden a 700 millóns de euros.
Pola súa banda, a ministra de Traballo lembrou o «positivo efecto» que as medidas en defensa do emprego tiveron en Galicia durante a pandemia. Así, subliñou que 206.000 persoas en Galicia estiveron acollidas a un ERTE nalgún momento, referiuse aos máis de 500 millóns de euros en gasto en prestacións de ERTE entre abril de 2020 e xaneiro de 2021 e aludiu a 1.187 millóns en prestacións do SEPE.
Na reunión deste martes tamén participaron o secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez Rey, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.