Zas conmemora o 8M cun ciclo de actividades nos centros de ensino do municipio

1 minutes read

O Concello de Zas organiza un compendio de actividades nos centros educativos da localidade no marco da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller. Este ciclo nace co fin de sensibilizar á rapazada e fomentar a igualdade de xénero entre a poboación máis nova.

Un dos piares desta programación será a implicación directa das novas xeracións, co obxectivo de educar e concienciar desde as idades máis temperás, con diferentes formatos adaptados a cada etapa escolar. Así, o 6 de marzo comezará o ciclo coa actividade ‘Os contos do avó: mulleres galegas’, destinado ao alumnado de infantil e 1º de primaria do CEIP Labarta Pose. Ese mesmo día tamén levarase a cabo a xornada ‘Superheroínas 8M’ entre o alumando de 2º,3º e 4º de primeria do centro.

O luns, 9 de marzo, realizaranse as dúas mesmas actividades nesta ocasión co alumnado de infantil e primaria do centro CPI de Zas. O propio luns tamén terá lugar a actividade ‘Igualdade, onde estás?’, destinado ao alumnado da ESO do Instituto Maximino Romero de Lema e do CPI de Zas.

Para rematar este mes da muller, o venres 27 de marzo o alumnado da ESO do CPI de Zas participará na actividade ‘Encaixando pezas’.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, subliña “a importancia deste ciclo de actividades que fomenta a reflexión crítica, promover valores de igualdade, respecto e liberdade desde a infancia” así como tamén “reforza o compromiso municipal cunha cultura transformadora, inclusiva e ao alcance de todos e todas”.