Zas | O documental «Dorothé na Vila» chega ao IES Maximino Romero de Lema

1 minutes read
  • A musicóloga suíza é a autora do Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas de tradición oral do país

O IES Maximino Romero de Lema (Zas) acolleu este luns, dentro das actividades realizadas neste primeiro trimestre escolar, o documental «Dorothé na vila» de Olaia Tubío e Alejandro Gándara. Os autores percorren os lugares que visitou a musicóloga suíza Dorothé Schubarth, autora do Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas de tradición oral do país.

Durante a peza audiovisual o espectador descubrirá á Victorina de Vilar de Parada, a muller que lideraba as «fouliadas» no seu lugar; ou ás netas de Castro, en Louzarela, que descoñecían que os seus avós cantaban ata que Tubío e Gándara chegaron á súa vila.

Antón Santamarina, co-autor da recompilación, sinala no documental que o traballo non tivo ningunha repercusión no seu momento, e que mesmo pasou inadvertido malia ser a Biblia dos Cancioneiros Galegos. Segundo el, Dorothé chegou xusto a tempo para que toda esa música tradicional non se perdese para sempre.