- Esta semana haberá un novo corte de tráfico para retomar os traballos pendentes
Do mércores ao venres desta semana procederase a un novo peche do tráfico na ponte sobre o Río Grande en Baio, Zas, para rematar os traballos que quedaran pendentes antes do Nadal. Sen embargo, desde a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira móstranse preocupadas polos posibles remates dalgunhas intervencións, xa que consideran que poden acarrear problemas de accesibilidade, de seguridade viaria e mesmo problemas domésticos.
Pola parte de Baio preocupa a marxe esquerda no paso de peóns. Para cumprir cos criterios de accesibilidade, a obra conta cunha gran rampla que, segundo comunican as entidades, crea «problemas de seguridade debido ao muro que hai nese mesmo lado antes da ponte e que en principio quedaría máis baixo que a propia rampla». Outra preocupación é a referida á auga que baixará por esa rampla en días de chuvia e que podería acabar entrando na casa que se atopa xusto antes. De darse o caso «necesitaría unha recollida de augas para evitar ese problema».
Dende o lado da Piroga, pertencente ao concello de Vimianzo, preocupa o remate da ponte sobre todo no tema da beirarrúa que remata na propia infraestrutura e que quedou «desfeita por todo o parcheado que quedou antes da ponte».
Ademais, desde as diferentes asociacións de Baio e A Piroga sinalan que a ponte está inclinada a un lado. Tras comunicarllo aos responsables da obra, estes explicaron que esa inclinación estaba feita a conciencia para que os vehículos reduciran a velocidade. Os comerciantes entenden a situación pero sinalan que con ese cambio tan brusco «algúns vehículos case deixan a defensa na zona».
Reanudación das obras
Se as condicións meteorolóxicas son óptimas, este mércores iniciaranse os traballos de pulido do aglomerado da calzada así como a colocación das xuntas de dilatación do taboleiro da ponte. Durante a execución das obras manterase operativo en todo momento un paso para os peóns e desviarase o tráfico rodado pola vía de alta capacidade VG-1.5.
Ademais, este luns días iniciáronse os traballos de pavimentación da beirarrúa da marxe de augas abaixo, á dereita, e a finais de semana realizarase a da marxe contraria. Posteriormente continuarase co pavimento de loseta para completar o itinerario peonil ata as beirarrúas existentes. As obras finalizarán coa instalación da sinalización e marcas viarias, que está previsto realizar a principios do mes de febreiro.
A Xunta está a investir 328.000 euros nas obras de rehabilitación e ampliación desta ponte co fin de poñer en valor a propia estrutura e a súa contorna.