13 bolseiros DigiTalent comezan en febreiro as prácticas en empresas TIC


Os 13 estudantes que accederon ás Bolsas DigiTalent comezarán en febreiro o período de prácticas formativas en empresas tecnolóxicas. Durante tres meses, os bolseiros contarán cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC.

Os bolseiros cómpren os requisitos marcados na iniciativa, ser menores de 31 anos e estar matriculados en carreiras de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura nalgunha das tres universidades galegas e ter máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados. As bolsas DigiTalent teñen unha duración de 20 horas semanais e son remuneradas.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a Amtega (Amtega), as tres universidades e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Entidades colaboradoras do programa

As empresas nas que os bolseiros realizarán as prácticas e que, previamente se adheriron ao programa, teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial e wearables, entre outras.