O parque Rego da Balsa de Carballo converteuse este sábado nun auténtico escenario de xogo coa celebración da primeira das tres xornadas do I Circuíto de Baloncesto 3×3 Deputación da Coruña, unha iniciativa que busca levar o baloncesto á rúa, fomentar o deporte base e crear novas afeccións deportivas entre a mocidade da provincia. O evento foi inaugurado polo deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, e o concelleiro de Deportes de Carballo, Daniel Pérez.
Nun ambiente festivo e con gran presenza de familias e afeccionados, 35 equipos das categorías Premini, Infantil e Cadete participaron nesta primeira cita do circuíto, que continuará o 14 de xuño en Ordes e finalizará o 28 de xuño en Brión coa fase final.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que «o 3×3 é unha modalidade que xa é olímpica e que recupera o espírito orixinal do baloncesto como xogo urbano e aberto», e puxo en valor a implicación dos clubs e das familias para facer posible esta primeira edición. «Queremos que a rapazada goce do deporte, da rúa e do verán. E esta fórmula funciona», afirmou.
Leira tamén agradeceu ao Concello de Carballo e á Federación Galega de Baloncesto o seu apoio e implicación: «Este concello é unha praza forte do baloncesto, e sabíamos que era o lugar ideal para poñer en marcha este formato. A resposta dos equipos e da xente confirma que tiñamos razón».

Entre os equipos participantes houbo representación de toda a provincia e momentos de auténtico espectáculo, con xogos dinámicos, música e premios para os máis destacados. O público puido desfrutar dunha xornada na que o deporte base foi o gran protagonista, cun formato que aposta pola igualdade de oportunidades, o esforzo colectivo e o xogo limpo.
Os partidos xogáronse en formato de liguiña e puntuaron para a clasificación xeral do circuíto, que continuará nas próximas semanas. Os 16 mellores equipos de cada categoría accederán á fase final de Brión, onde competirán polo título e premios en material deportivo.
O Circuíto 3×3 da Deputación da Coruña é unha iniciativa que nace coa vontade de consolidarse nos vindeiros anos, como evento de referencia para o deporte base, o lecer activo e a promoción de hábitos saudables entre a mocidade.