Adro de Vilaño celebra este sábado a VI Festa do Polbo

1 minutes read

A Asociación Cultural Adro de Vilaño ultima os preparativos da sexta edición da súa Festa do Polbo, que se celebrará este sábado, 24 de outubro, no pavillón do Colexio Ramón Otero Pedrayo en Vilaño, A Laracha. A xornada combinará gastronomía, música e actividades infantís nun ambiente festivo e familiar.

As portas abrirán ás 13:00 horas e o xantar comezará ás 14:30 horas. O menú, pensado para que ninguén marche con fame, ten como protagonista o polbo con cachelos, que se poderá repetir cantas veces como se queira. Ademais do prato principal, haberá entrantes a base de empanada, embutidos, queixo, mexillóns e lacón, e como sobremesa larpeira, xeado, café e chupitos. Do servizo de comida estará a cargo a “Pulpería Juan Guerra”.

A celebración contará coa actuación musical do Dúo Maracaibo e cos tradicionais sorteos, nos que se repartirán máis de 100 agasallos grazas á colaboración de numerosos negocios e empresas. Os máis pequenos tamén terán o seu espazo na Pequefesta, con inchables, xogos, pintacaras, tatuaxes, globoflexia e merenda gratuíta.

Últimos días para adquirir as entradas

As entradas poderán adquirirse ata este xoves 22 de outubro, cun prezo de 42 euros para adultos non socios, 38 euros para socios e 20 euros para nenos e nenas de 6 a 11 anos. Os menores de 6 anos poderán asistir gratuitamente.

Os puntos de venda son Almacenes J. Cotelo, Agrobotica, Tempo, Bar da Piña, Bar Milagre e Peluquería Carmen e Silvia Pereira. Tamén se pode contactar directamente coa Asociación a través das redes sociais e WhatsApp.

Con esta sexta edición, Adro de Vilaño reafirma o seu compromiso coa dinamización social e cultural do rural, promovendo espazos de encontro e convivencia entre persoas de todas as idades. A asociación agradece a implicación das entidades colaboradoras que fan posible esta celebración.